tecnoloxia.org

Comeza o curso!

Benvidas e benvidos ao curso 2012-2013!

Esperemos que aprendamos moito, nos portemos ben, fagamos traballos estupendos e todas esas cousas que soemos dicir o primeiro día de clase. A ver que proxectos saen este ano!

Tedes no menú da dereita unha sección “Alumnado” con cada un dos cursos que vou dar este ano. Alí irei poñendo os apuntamentos de clase, ligazóns, avisos, notas e o que vaia facendo falta. Son páxinas protexidas, e o contrasinal daréivolo en clase.

2ºESO4ºESO4ºPDC1ºBach2ºBach

Agardo que veñades con forza para levantar o curso!
.

votar

ElectroDroid. Electrónica no teu Android.

Se tes un teléfono con SO Android e es estudante ou profesional da electrónica seguramente te gustará a aplicación ElectroDroid que podes descargar de balde.

Aínda que moitos dos recursos que ofrece excedan as necesidades dos estudantes de Educación Secundaria, podemos sacarlle partido a moitas ferramentas.

Por exemplo, inclúe calculadoras do código de cores das resistencias, da Lei de Ohm, divisores de voltaxe, da resistencia equivalente de sistemas en serie e paralelo ou da frecuencia e tempo de disparo dun temporizador 555.

Tamén inclúe táboas de datos moi útiles para clase: Símbolos electrónicos, valores de resistividade e condutividade, táboas de verdade das portas lóxicas, álxebra de Boole ou os pins dos integrados da serie 7400.

Pódense instalar novos plugins, coma un pequeno simulador de circuítos ”EveryCircuit“. Non é gran cousa, polo menos a versión free que probei, pero para levar no peto está moi ben. Inclúe animacións e sinal de osciloscopio.

votar

Yes is More. Arquitectura en banda deseñada.

Banda deseñada: Yes Is More. Un arquicómic sobre a evolución arquitectónica. Editorial Taschen. En castelán.

O grupo BIG (Bjarke Ingels Group), formado por arquitectos, deseñadores e creativos daneses presenta os seus proxectos urbanos e arquitectónicos a modo de manifesto gráfico utilizando o formato banda deseñada, distribuído tamén coma aplicación do IPad.

Dita opción converte un catálogo estendido de proxectos nunha obra de divulgación e aproximación aos métodos, medios e procesos dun estudo arquitectónico, ilustrando no mundo real o desenvolvemento dun proxecto tecnolóxico, dende o deseño ata a construción ou o rexeitamento da idea proposta.

O medio de comunicación escollido, a banda deseñada, vai en consonancia coas propostas arquitectónicas do grupo BIG: populares, modernas e innovadoras, como é o caso dos proxectos Lego Towers ou The 8-House.

[8H - The 8-House from BIG on Vimeo.]

En calquera caso estamos ante unha obra que pode espertar o interese no urbanismo e na arquitectura, ao velos como temas abertos e dinámicos, tan problemáticos coma apaixonantes.


(Clica na imaxe para ampliar. Edición en Inglés)

 

Posible uso do libro na área de Tecnoloxía: O uso pode ser dobre, coma forma e como contido.

En canto a forma, basta con ler un capítulo para decatarse da potencia da banda deseñada como medio de comunicación. Neste senso hai que avisar de que a calidade gráfico-narrativa da obra é modesta, non é de interese para aficionados ao cómic coma medio artístico, pero si para os interesados no cómic coma medio de comunicación. Aínda así, pode servir como exemplo para que o alumnado faga un traballo similar utilizando fotografías e programas de edición, como estes cómics sobre o Proxecto Bata (proxecto interdisciplinar de igualdade de xénero) ou este sobre como cambiar a fonte de alimentación do ordenador.

En canto ao contido pode ser un libro de interese para as áreas de Tecnoloxía, Plástica e Ciencias Sociais, ou para calquera traballo interdisciplinario sobre arquitectura, urbanismo ou a ordenación do territorio.

Moitos institutos e colexios levan anos participando no Proxecto Terra, magnífico traballo creado por Xosé Manuel Rosales e financiado polo Colexio de Arquitectos. No material do proxecto hai un cómic sobre arquitectura, A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, o mellor autor de banda deseñada galega. Non é precisamente o seu mellor cómic, pero cumpre a súa función. O cómic atópase en todos os centros e pode lerse en liña aquí.

 

Por outra banda, a quen lle interese o tema da arquitectura e a banda deseñada pode botarlle unha ollada a Arquicómics.

votar

Aprendendo algo de linguaxe audiovisual

Cada vez somos máis os profesores e profesoras de calquera materia que gravamos e editamos vídeos ou pedímoslle ao alumnado que os faga. Porén, a maioría carecemos da formación audiovisual necesaria para realizar os nosos traballos cun mínimo de calidade.

Guión, storyboard, planos, secuencias, … Recomendades algún material de consulta que nos axude a poñernos ao día para traballar o vídeo cun pouquiño de xeito?

Eu desde logo que non me sinto capaz de abordar este tema con profundidade, e recoñezo as miñas carencias formativas neste campo, pero hoxe vou dedicar esta entrada a uns planos básicos utilizados no cine. Son unhas boísimas composicións feitas por kogonada para vimeo que atopei onte por casualidade e que creo que serven de exemplo para introducir tres tipos de planos que se poden utilizar nunha gravación.

Punto de fuga central nas películas de Kubrick:

O punto de fuga central non só dá sensación de perspectiva á imaxe, senón que tamén contribúe a que a mirada do espectador quede atrapada na fotografía, aumentando o protagonismo da imaxe.

[Kubrick // One-Point Perspective from kogonada on Vimeo.]

Contrapicados de Tarantino:

Nun plano contrapicado a cámara sitúase por debaixo do obxecto e oriéntase cara arriba. Serve para magnificar un obxecto ou persoa, por iso é tan utilizado polos políticos, ou polo mesmo Darth Vader.

[Tarantino // From Below from kogonada on Vimeo.]

Picados de Wes Anderson:

Nos planos picados a cámara grava dende arriba e oriéntase cara ó chan. O efecto que produce é o contrario có do contrapicado, pois utilízase para resaltar a fraxilidade ou inocencia do obxecto enfocado.

[Wes Anderson // From Above from kogonada on Vimeo.]

Gustaríame que alguén comparta algún material para saber máis destas cousas, e que nos axude a mellorar os nosos vídeos caseiros. Algunha recomendación?

votar

Premios Bitácoras 2012

Votar en los Premios Bitacoras.com Xa está en marcha a oitava edición dos Premios Bitácoras, un evento anual que ante todo serve para dar a coñecer o panorama blogueiro mediante a votación a través de diferentes categorías a blogues escritos en calquera das linguas oficiais do estado.

É unha interesante oportunidade para dar a coñecer e apoiar aqueles blogues que son do teu interese. Se tecnoloxia.org é un deles, podes darlle un voto na categoría de Educación.

Para participar só tes que rexistrarte en bitacoras.com, ir á páxina de votación , marcar alí os teus blogues favoritos, introducir un odioso captcha e darlle a aceptar.

Tede coidado de non votar desde os centros de ensino, pois moitos saímos coa mesma IP da Consellería de Educación, e isto pode facer que se bloqueen os votos.

votar