Se botas de menos os robots LEGO Mindstorms estas vacacións podes descargar o software LEGO Digital Designer. Permíteche construír os teus propios modelos.
Pensade o que necesita o noso robot para superar a proba de rescate de robocampeones ( seguir unha liña negra no chan, detectar vítimas de cores, detectar e sortear obstáculos na liña, detectar o paso dunha habitación a outra, … ) e deseñade un robot cos sensores axeitados na posición correcta. A volta das vacacións probamos os robots e seguimos programándoos.
En internet atopamos interesantísimos vídeos de tecnoloxía útiles para as nosas clases, pero temos o problema de que a maioría están en inglés.
Hai unha solución: dotSUB. (Grazas Xano pola ligazón)
Trátase dun servizo colaborativo que permite a calquera adicionar lendas a vídeos na internet. Só hai que seleccionar un vídeo xa existente ou subir un e introducir os subtítulos, podendo utilizar unha lenda sincronizada xa existente como referencia, polo que non hai que preocuparse da sincronía e axustes nos textos.
Aquí tes un exemplo de vídeo subtitulado en galego sobre a licenza Creative Commons.
Pois nada, a ver se entre todos e todas facemos que vaia aumentando a cantidade de vídeos de tecnoloxía en galego na rede, polo menos subtitulados.
Vía Microsiervos atópome cun interesante artigo sobre aspectos enerxéticos dos teléfonos móbiles, no que atopamos os seguintes datos:
A enerxía consumida:
Segundo Nokia, o 70% do uso total de enerxía dun teléfono móbil lévase a cabo durante a fase de produción: a minería dos recursos, a produción dos compoñentes, a montaxe e o transporte. O 30% da enerxía consumida restante corresponde ás recargas da batería.
Durante a súa vida útil un teléfono móbil consume un promedio de 260 MJ. 180 MJ para a fabricación e 80 MJ na fase de utilización. (1MJ = 106J)
Multiplica polo número de móbiles que tiveches e saberás canta enerxía levas gastada en falar por teléfono.
Aquí podes ver un vídeo da cadea de produción de telefonía móbil de Sony Ericsson:
Os residuos:
O 90% dos residuos tamén son xerados durante a fase de produción. As montañas de teléfonos móbiles en desuso como esta da foto non representan máis ca un 10% dos residuos. (Foto: Chris Jordan)
A transferencia de información:
Non só se consume enerxía ó cargar a batería. A transferencia dun gigabit de información a través de telefonía móbil (arredor de 500 minutos de chamadas) equivale a recorrer 200 km en coche.
Transmitir información pola rede de telefonía móbil require tres veces máis enerxía que pola rede de telefonía fixa.
En conclusión:
Se queremos unha opción ecolóxica, só hai unha opción: manter un mesmo teléfono móbil todo o tempo posible, e non cambialo por outro simplemente polas modas ou novidades.
A análise da factura eléctrica é un recurso bastante utilizado en clase, así que, ollo! a partir de abril o “recibo da luz” será diferente. A compañía eléctrica deberá indicar a orixe da electricidade vendida e o impacto ambiental provocado na súa xeración.
Orixe:
A enerxía eléctrica virá desglosada segundo as tecnoloxías utilizadas na súa xeración.
Impacto ambiental:
As empresas deberán incluír dous gráficos de barras, un de emisións e outro de residuos radioactivos, ordenados do “A” ao “G”, onde a primeira letra represente o mínimo impacto ambiental e a última, o máximo.
Parece que o impacto ambiental só se refire ás emisións e residuos. Para nada se teñen en conta outros tipos de impacto, pero algo é algo. A min paréceme un avance, pois temos dereito a esa información, pero non nos esquezamos do que nos repiten sempre en Sotavento: A enerxía máis limpa é a que non se consume.
Para que un aeroxerador funcione correctamente os ventos non deben superar os 100 km/h (o máximo rendemento prodúcese con ventos de entre 40 e 50 km/h). Cando a velocidade é excesiva, ou en caso dun mal funcionamento dalgún dos seus compoñentes, os sistemas de seguridade encárganse de frear o rotor e evitar o embalamento.
Os aeroxeradores contan con dous mecanismos de freo independentes para deter o rotor:
O sistema de freo aerodinámico ou freos en punta de pa é o sistema de freo primario dun aeroxerador. Consiste en facer xirar 90 graos a punta das pas, de xeito que se impide que o vento faga xirar o rotor, freándoo en cuestión dun par de voltas como moito.
O freo mecánico utilízase como apoio ó sistema de freo aerodinámico, como freo de estacionamento unha vez que a turbina está parada, cando se realizan labores de mantemento e tamén no caso de emerxencia, se o freo en punta de pa falla.
O freo mecánico sitúase no eixe pequeno, o que vai da multiplicadora ó xerador.
.
Está claro que neste aeroxerador do vídeo fallaron tódolos sistemas de freado de emerxencia. Un bo susto.