tecnoloxia.org

Nova sección de control e robótica

robot LEGOAbrín hai pouco unha nova sección de control e robótica, á que podedes acceder dende o panel lateral esquerdo. Aínda está incompleta, pero irei ampliándoa pouco a pouco cando vaia atopando tempo, e centrareime en principio nos contidos de robótica con LEGO, en consonancia co material do que dispoñemos para traballar esta parte do currículo.

Tamén podedes ver unha nova ligazón: Robot-Ingenio. É un blogue no que participamos os catro institutos que estamos no proxecto de robótica que empezamos a poñer a andar este curso. De momento aínda estamos subindo as fotografías e vídeos de presentación, pero iremos subindo proximamente outra información sobre como van transcorrendo as probas.

Mañá nas VIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia impartirei o obradoiro “Robots en acción”, así que se alguén desexa probar a programación de robots LEGO pode apuntarse (máximo 12)

votar

Tecnoloxía dos anos 80

Os primeiros ordenadores, os primeiros videoxogos, a música, o vídeo, os xoguetes electrónicos, … os anos 80 empezaron a dixitalizar as nosas vidas.

Este documental fala da tecnoloxía dos anos 80. Naquela época eu tiña a idade dos meus alumnos e alumnas da ESO, e resulta impresionante a evolución producida en dúas décadas.

www.Tu.tv

Dentro de 20 anos veremos documentais que falen da tecnoloxía da primeira década do século XXI e seguramente notaremos un cambio aínda máis espectacular.

votar

Unha verdade incómoda

Documental de Davis Guggenheim e Al Gore “An inconvenient truth” (2006)


www.Tu.tv

Trátase dun documental sobre o quentamento global que, á marxe do toque sensacionalista que ten, paréceme interesante para traballar en educación secundaria dende a perspectiva interdisciplinaria ciencia, tecnoloxía e sociedade e de forma coordinada entre varios departamentos.

E para incentivar o debate, non está de máis presentar a outra versión da historia. Témola neste documental titulado “O gran timo do quentamento global“:

Por unhas razóns u outras, o clima cambia e o planeta contamínase, non o imos negar. Dende o punto de vista da tecnoloxía, parte da solución comprende a eficiencia enerxética, as fontes de enerxía renovables e novas políticas enerxéticas. O desenvolvemento e a dispoñibilidade de novas tecnoloxías enerxéticas limpas son clave para controlar o quecemento global. Unha gran parte da tecnoloxía capaz de inverter os efectos do quentamento global xa existe, pero falta a xeneralización no seu uso. Aínda se están a investigar e a desenvolver novas tecnoloxías á marxe dos intereses económicos e políticos.

Para reflexionar: Dende un punto de vista tecnolóxico, que responsabilidade temos como persoas consumidoras e usuarias de tecnoloxía? Que podemos facer nós individualmente para axudar a reducir o quentamento global? Que políticas tecnolóxicas e económicas cres necesarias?

votar