Vigo prescinde de ArtFutura2012

Todos os anos por estas datas anuncio neste blogue un dos eventos máis interesantes que dan a coñecer o panorama internacional da creación dixital, acompañado sempre de atinadas reflexións sobre os cambios que se producen na sociedade ante a evolución e extensión do mundo dixital: ArtFutura.

Durante os últimos 9 anos podiamos asistir ao programa audiovisual no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, pero este ano a dirección do Marco “non considera prioritario” incluír Vigo no conxunto de cidades que mostran estas producións, segundo di La Voz de Galicia. Podería entendelo se os motivos fosen a crise e a falta de orzamento, pero desbotalo desta maneira paréceme un erro.

De tódolos xeitos, non imos perdernos a reflexión do festival deste ano: “A nosa cultura é dixital

A maneira na que vivimos, traballamos, comunicamos e creamos a nosa imaxe do mundo depende cada vez máis das ferramentas dixitais que empregamos a diario. A tecnoloxía volveuse invisible e integrouse de forma natural na nosa paisaxe cotiá, e hoxe en día non cabe xa falar dunha cultura dixital independente do resto, senón que podemos afirmar que a nosa cultura é dixital. O uso cotián dos recursos dixitais crea novos costumes, novas necesidades que á súa vez reclaman a creación de novos dispositivos e aplicacións, de tal maneira que a tecnoloxía se converte nun produto da cultura dixital, e non á inversa.

Afirmar que a nosa cultura é dixital, no entanto, expón numerosas dúbidas e preocupacións. Que define a nosa cultura nunha era globalizada e hiperconectada? A cultura dixital nega a cultura tradicional? Estamos ante unha nova colonización?

O festival ArtFutura 2012 propón, baixo o título A nosa cultura é dixital, unha análise da nosa relación actual coas tecnoloxías dixitais, tanto a nivel global como individual, por medio das achegas dun panel de expertos e as obras dalgúns dos creadores máis destacados da arte dixital.

[ArtFutura 2012 – Clip HD from ArtFutura on Vimeo.]

Unha das seccións está adicada aos catro curtos “Everything is a Remix” do director Kirby Ferguson, que defende que todo é unha mestura: No mundo da literatura, a música, o cine e a tecnoloxía tómanse prestadas ideas doutras persoas e fontes, recíclanse e convértense en novos materiais, e as leis de dereitos de autor ameazan con pór freo a unha parte esencial do proceso creativo.

 

Coma todos os anos, o festival inclúe as seccións “3D Futura Show” que mostra as mellores pezas de animación dixital e “FuturaGraphics” coas creacións que circulan pola rede, mais este ano dedican unha sección especial aos timelapses baixo o título “Just Lapsing Time”, unha selección dos gañadores dos recentes premios “Vimeo Awards“, ou documentais que mostran o traballo dos artistas Theo Jansen e Moebius.

[Malcolm Sutherland- Umbra from Pascal Blais Animation Studio on Vimeo.]

 

Toda a información en ArtFutura212

Eu agardo que o ano que vén Vigo volva subir ao tren da cultura dixital. Verémolo?


Deixa un comentario