Fusos horarios
Mañá, domingo 26 de outubro, cambia a hora. As 3:00 horas serán as 2:00.
A xustificación para cambiar a hora é supostamente aforrar enerxía eléctrica. Segundo Red Eléctrica Española o aforro enerxético en España é do 0.5%, moi pouco para o esforzo e trastorno que supón para a poboación.
E hai máis, parece ser que en Galicia afórrase só un 0,28% de enerxía co cambio horario. Todo vén porque en Galicia non temos a hora que nos correspondería pola súa posición xeográfica.
Para pescudar a localización exacta dun punto da superficie terrestre valémosnos das denominadas coordenadas xeográficas, a lonxitude e a latitude, achadas a partir dunha rede xeográfica de liñas imaxinarias chamadas meridianos e paralelos.

A lonxitude é a distancia angular que existe entre un punto calquera da superficie terrestre e o Meridiano de Referencia ou Meridiano de Greenwich.
A latitude é a distancia angular entre un punto calquera da superficie terrestre e o Ecuador.
Ao ser medidas angulares a latitude e a lonxitude mídense en graos.
Todos os lugares da Terra que están no mesmo meridiano teñen a mesma hora solar, xa que todos os puntos que atravesa teñen ao Sol na vertical a medio día.
Como a circunferencia da Terra ten un total de 360º e o día solar divídese en vinte e catro horas, a Terra pódese dividir en vinte e catro franxas imaxinarias dunha hora, os denominados fusos horarios. Cada 15º de lonxitude hai unha hora de diferenza, unha máis cara ao Leste e unha menos cara ao Oeste.
Con todo, cada país ten a súa propia hora oficial, que en moitas ocasións non coincide coa hora solar. Pódelo ver no seguinte mapa de fusos horarios. (clica aquí para amplialo)
Observamos que sería xeograficamente máis lóxico se toda a Península Ibérica compartise o mesmo fuso que actualmente posúe Portugal e o Reino Unido. Especialmente chamativo é o caso de Galicia, que estando ao norte de Portugal ten unha hora máis, e ten a mesma hora que, por exemplo, Varsovia, cando hai unha diferenza de case 30º na lonxitude, o que equivale a dúas horas solares de diferenza.
Baiona (instituto)
Latitude: 42° 7′8.26″ N
Lonxitude: 8°51′41.03″ W
Varsovia (Polonia)
Latitude: 52°13′47.29″N
Lonxitude: 21° 0′42.41″E



