Un chiste electrónico:

(Vía @SrLluisTomas)
20 Abril 2013
28 Decembro 2012
Acabo de rematar unha das seccións que tiña pendentes desde hai tempo: Electrónica dixital.
Consta de circuítos, táboas e exercicios interactivos, que espero que sirvan para entender mellor este tema.
O nivel é inicial, para 4º de ESO, aínda que tamén pode ser útil para que o alumnado de Tecnoloxía Industrial II repase os conceptos básicos antes de entrar en profundidades.
Non incluín prácticas nin proxectos de construción reais, xa que neste tema traballamos con simuladores e só facemos algunha práctica básica con portas lóxicas reais como solución a algún problema resolto en clase.
Aproveitei scripts e actividades realizadas hai un par de anos durante a miña colaboración no material de Tecnoloxía do INTEF-CIEDAD, que conta cunha licenza Creative Commons By-NC-SA.
Agardo que vos resulte de utilidade.
22 Novembro 2012
En 4º de ESO estivemos vendo que son os circuítos integrados ou chips, e estivemos traballando cun deles: O temporizador 555. Por fóra os chips parecen todos iguais, con eses encapsulados negros con patas, pero dentro cada tipo de chip ten un circuíto integrado que nada ten que ver con outros. Queredes saber como son?
Hai unha web rusa, ZeptoBars, que nos amosa como son os circuítos integrados que levan por dentro os chips máis populares. Utilizaron ácido sulfúrico concentrado e outros reactivos para eliminar o encapsulado plástico de protección, ata que lograron espir por completo o circuíto.
Aquí tedes o resultado:
Se queredes saber como foi o proceso ou que chips son os que aparecen nas fotos podes consultar a web de zeptobars.ru. Van engadindo novas fotos de forma periódica no seu blogue.
(Vía:@tecnoloxiajorge)
28 Outubro 2012
O formato de banda deseñada é moi interesante para comunicar calquera contido de forma fácil. Ben o saben Aitor Aloa e Ibon Sánchez, que están a buscar financiamento e colaboración para poder levar a cabo o seu proxecto: Tucomics.
Necesitan entre 4000 e 8000 € para realizar un primeiro traballo consistente en dez titoriais sobre electrónica, hardware libre e fabricación propia en formato de banda deseñada. Por exemplo, explicarannos que é o hardware libre, o código das resistencias, os símbolos electrónicos, como soldar con estaño, como utilizar un multímetro ou unha breadboard, etc.
O cómic resultante estará a disposición online, en formato web e pdf, baixo licenza Creative Commons, para poder reproducilos, modificalos, traducilos, distribuílos, etc. Eu xa me ofrecin para traducir ao galego.
Quédalles moi pouquiño para chegar ao mínimo e acábaselles o tempo! Se che interesa o traballo podes colaborar no proxecto a través de goteo.org

Hai outros exemplos de electrónica en banda deseñada:
24 Setembro 2012
Hai tempo que falei aquí do simulador de circuítos CircuitLab, e grazas a un comentario que chegou hoxe a aquel artigo coñecín outro simulador: DoCircuits.
É bastante limitado e bótanse en falta moitas cousas para que resulte útil, pero supoño que pouco a pouco irán ampliando as súas funcionalidades, pois acaban de empezar. Permite introducir nos circuítos un xerador de funcións e conectar un osciloscopio para visualizar o sinal, o cal é bastante interesante.
Non están mal os exemplos que xa veñen feitos de rectificadores e amplificadores.
Botádelle unha ollada se vos interesa usalo. Eu para educación secundaria aínda estou agardando a que a alguén se lle ocorra facer algo similar aos fantásticos Crocodile Technology ou Yenka, pero para traballar vía navegador desde calquera plataforma. A ver se algún día o vemos.
[youtube: Getting Started with Do Circuits]