Blogue

Arquivo da categoría 'Tecnoloxías da comunicación':

Dispositivos acústicos para defensa áerea

Dende a primeira guerra mundial ata os anos 30, cando o radar aínda non existía, os sistemas que se utilizaban para detectar avións eran visuais e acústicos, e estes últimos eran especialmente importantes en condicións de nubosidade e de noite.

No museo Waalsdorp móstrannos os dispositivos acústicos utilizados polo exército holandés como parte do sistema de defensa aérea. Son realmente curiosos.


[Slide: Dispositivos acústicos]

(Visto en swiss-miss.com)

Podes ver máis fotos e información sobre reflectores acústicos en:


Concurso Espacial 2010. Navegación por satélite.

concursoespacial.jpgNa edición deste ano o Concurso Espacial ten como lema a navegación por satélite. Está dirixido a estudantes de segundo ciclo de ESO, bacharelato e ciclos de formación profesional de grao medio.

Pódense presentar traballos de robótica espacial, investigación, experimentación, narrativa-banda deseñada e animación, sempre en relación co tema deste ano. O prazo de presentación é dende o 1 de xaneiro ata o 28 de febreiro de 2010.

Os equipos gañadores poderán participar nun campamento espacial de 10 días en Madrid e Granada, que inclúe obradoiros de robótica, construción de cohetes, observación astronómica, coloquios con persoas expertas en ciencia e tecnoloxía, visitas a estacións da NASA e ESA e ao parque das ciencias de Granada. Dende logo que o premio ten moi boa pinta.

Máis información en www.concursoespacial.com


Módulo lunar Apollo 11 en papel

Hai 40 anos que os astronautas Armstrong , Aldrin y Collins chegaron a Lúa. Para celebrar este aniversario, se es manitas e tes paciencia, podes construír unha maqueta de papel do módulo lunar Apollo 11.

apolo11.jpgapolo11a.jpg

A transcendencia do feito non é só que unha persoa chegase a pisar o noso querido satélite, senón toda a tecnoloxía que fixo posíbel ser capaz de chegar alí e regresar, como por exemplo, e entre moitas outras cousas, desenvolver unha rede de comunicacións que permitise estar en contacto cos astronautas a miles de km de distancia e recibir as imaxes tomadas, nunha época na que se traballaba nun formato analóxico e a comunicación dependía da instalación dunha rede de cables. Todo un reto que iniciou o cambio na nosa forma de comunicarnos.

apollo_AGC_user_interface.jpgNon menos curioso é o ordenador de navegación utilizado. Chamábase AGC (Apollo Guidance Computer) e funcionaba cunha velocidade de procesamento de 1 MHz, 4 Kb de RAM, 32 Kb de ROM, e 4 rexistros de 16 bits. Non tiña pantalla, senón un simple display, e tampouco tiña disco duro, senón que os programas almacenábanse en memorias de ferrita.

Pois só con iso a nave nodriza era capaz de guiar ao módulo lunar, controlar os motores, manter a orientación das antenas e calcular traxectorias. E logo o alumnado chámalles chatarra aos pentium III que temos no taller 1 do insti, coa de cousas que son capaces de facer esas máquinas ;-)

Se queres ver vídeos das exploracións da NASA, podes achegarte polo canal NASAexplorer de youtube.

Tamén podes visitar o proxecto “We Choose the Moon” que recrea toda a misión do Apollo 11 en 11 etapas en tiempo real.

Actualización 25 de xullo de 2009:
Os 15 inventos da NASA que cambiaron as nosas vidas.


O notificador: comunicación social en 1935

Hoxe en día utilizamos medios de comunicación sociais para deixar mensaxes aos nosos amigos e amigas. Se deixas a mensaxe “Voume de vacacións a Carnota!” en tuenti , no fotolog ou en twitter, os teus contactos decataranse de que marchaches de viaxe un tempo, sen ter que avisalos un por un mediante SMS.

Pois isto que estamos utilizando non é algo novo. Cambiaron os medios, agora electrónicos, pero a idea de deixar mensaxes en público de xeito que calquera persoa as poida ver xa existía en 1935. (Vía:lo que sea .0)

1935twitter.jpg

O que ves na imaxe chamábase “O notificador“, unha máquina instalada nas rúas, tendas e estacións de Londres a principios do século pasado que servía para que as persoas puidesen deixar mensaxes en público. Só había que escribir unha mensaxe nunha tira de papel continuo e introducir unha moeda para que a nota permanecese detrás dun cristal da máquina durante un mínimo de dúas horas.

Hoxe en día utilizamos redes sociais en Internet, que son dun gran potencial comunicativo e formativo, pero pensa que nas redes sociais abertas ao público calquera persoa pode ler as túas mensaxes e ver as fotos e vídeos que publicas.

Debes deixar para o ámbito privado aquelas mensaxes e fotos persoais que non desexes compartir con calquera. Se non as publicarías nunca na máquina “Notificador” ou no taboleiro de anuncios do insti, tampouco o fagas en Internet, pois vén sendo o mesmo, anque con outras tecnoloxías que lle dan soporte.


Unha planta con blogue

Hai tempo falei dunha planta que postea en twitter. Chámase Pothos, e mediante un sensor de humidade, unha tarxeta arduino e unha conexión a internet, envía unha mensaxe a través de twitter para reclamar auga.

Pois non e a única planta que se comunica por internet. Nunha cafetería xaponesa teñen unha planta que recolle datos do seu entorno grazas a unha serie de sensores de humidade, temperatura, luz, presión sonora, etc. Estes datos envíanse a un ordenador que está programado para que os publique nun blogue.

pranta_blogue.jpg
(Fonte: www.soygik.com)

Esta outra planta consta dunha maceta con pernas robóticas e unha serie de sensores que detectan os niveis de luz da habitación. Cando o robot atopa o punto de maior luminosidade, actívase o mecanismo e a maceta comeza a camiñar nesa direción.

pranta_luz.gif

Podes ver máis fotografías na páxina do proxecto.


Frecuencia e volume

Rafael Lozano-Hemmer é un artista que realiza obras de arte tecnolóxica. Realiza intervencións interactivas en espazos públicos utilizando robótica, proxeccións, son, conexións de internet e telefonía móbil, sensores e outros sistemas que se desenvolven pola presenza do público, interactuando cos corpos das persoas ou coas súas sombras.

Entre os seus proxectos atopamos “Frecuencia e volume”. Trátase dunha instalación interactiva que investiga o espazo radioeléctrico e converte ao corpo en antena, pois permite aos participantes sintonizar radiofrecuencias utilizando a sombra do seu corpo.

antenassombra

Un sistema de seguemento computarizado detecta as sombras dos participantes, que se proxectan nunha escala de entre 100 e 800 m2. As sombras escanean as ondas coa súa presenza e posición, e o seu tamaño controla o volume do sinal.
A peza permite a sintonización de calquera frecuencia desde os 150 kHz aos 1.5 GHz, incluíndo tráfico aéreo, FM, AM, onda curta, celular, CB, satélite, telefonía sen fíos e radionavegación. Pódense escoitar ata 16 canles simultáneas e a contorna sonora xerada é unha composición dirixida polos movementos da xente.

Podes ver máis proxectos de Rafael Lozano-Hemmer na súa web.

(Vía: www.alg-a.org)