Arquivo da categoría 'Xeral':
Arquivo da categoría 'Xeral':
Hai tempo que non participo no blogueiro Entroido da Física, que este mes vai ser en cienciamia.net, así que aproveito para explicar aquí o “efecto microondas”. O nome é cousa miña, xa que non sei como chamalo.
Trátase do fenómeno que se produce cando, despois de sacar o café con leite quente do microondas antes de que ferva, botámoslle o azucre e sae todo o contido da cunca coma se se producise unha explosión no seu interior.
Pódelo ver neste vídeo, anque nel só temos auga:
Isto ten que ver co xeito de quentar que ten o forno microondas. Cando quentamos o café con leite as microondas fan que as moléculas de auga que hai no interior comecen a vibrar, aumentando a temperatura.
Podes ver aquí unha animación do movemento das moléculas de auga sometidas a microondas

As moléculas de auga rompen as súas ligazóns coas outras moléculas e pasan a estado gasoso, ou vapor, pero non poden saír á superficie debido á tensión superficial, pois non teñen enerxía suficiente para superala. Supoño que ademais da tensión superficial tamén terá que ver a masa de pesadas moléculas que hai por riba cando se trata de leite.
Cando quentamos o café con leite nunha tarteira non sucede nada diso e podémoslle botar o azucre sen problema. O vapor si pode escapar, xa que ao existir un foco quente establécese un movemento de convección no fluído axudando ao vapor a superar tódalas barreiras.

Volvendo ao café con leite quentado no microondas, o vapor, ao non poder escapar, quédase no seo do fluído a moita presión. No intre en que lle botamos o azucre o que estamos a facer é crear un camiño para que todo ese vapor escape, e así o fai, levándose por diante todo o café con leite que queriamos tomar.
Así que para no sufrir ningún accidente será mellor non quentar excesivamente a auga ou o café con leite no microondas.
Actualización:
Se non sabes como funciona un forno microondas podes consultar esta infografía de consumer.es
O verán non é a época máis axeitada para andar por unha rede de traballo e fedellar nela, pero o peche das contas gratuítas de ning este mes obríganos a mudarnos xa a outro sitio.
A nova rede do profesorado de tecnoloxía está en http://grou.ps/tecnoprofes/, así que hai que ir abandonando a anterior que tiñamos en http://tecnoprofes.ning.com/
Probáronse varios sitios, e grou.ps é a que nos ofrece posibilidades máis semellantes ás que tiñamos en ning, aparte de poder migrar case todo o contido que alí tiñamos.
Intentouse tamén que o ITE se fixese cargo do aloxamento da nosa rede, pero queren ter só unha rede educativa global como a de Internet en el Aula, e que todas as redes do profesorado funcionen como subgrupos dela. Xa se verá como o fan cando migren a rede aos seus servidores e se introducen un servizo multirede, pero un subgrupo ten moi poucas posibilidades de comunicación e non é o que buscabamos.
Bueno, pasádevos por http://grou.ps/tecnoprofes/ a fochicar e cando comece o curso a ver se lle damos algo de movemento, pois non é o alumnado o único que ten o labor de aprender. O profesorado podemos e debemos formarnos aprendendo do que fan os compañeiros e compañeiras, e ter un lugar onde compartir e intercambiar é fundamental.
[off topic] Como o fútbol non é algo que me interese, onte pola noite fun dar unha volta por Vigo e observar a cidade pantasma, seguindo a iniciativa de kusioso.
Este é o resultado:
[youtube: Vigo durante o partido da final do Mundial]
[Música: Pixies - Isla de Encanta] (Coa Cadena Ser en directo de fondo)
Non pertenzo a ENCIGA, pero como profesora de Tecnoloxía subscribo completamente o manifestado no seu último comunicado, que reproduzo a continuación:
Comunicado da Asemblea de ENCIGA sobre o decreto de plurilingüismo
A Asociación dos Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), na Asemblea celebrada o 7-V-2010, aprobou por unanimidade transmitir á Consellería de Educación e aos medios de comunicación a seguinte resolución.
ENCIGA manifesta a súa oposición ao decreto de plurilinguismo presentado pola Consellería de Educación baseándose nos seguintes argumentos:
1º.- A nosa asociación, con máis de 650 socios, leva vinte e dous anos de funcionamento e trátase da asociación de profesorado máis numerosa de Galicia. Entre as asociacións de profesorado de Ciencias é a máis veterana do Estado español e das máis veteranas de Europa. Ao longo destes anos non tivo coñecemento de que ningún dos seus membros recibise ningunha reclamación nin queixa polo feito de ter empregado o galego na aula. Por iso non comprende o interese da Xunta de Galicia en aprobar un decreto que impón o uso do castelán de xeito obrigatorio en materias de Ciencias como a Física e Química, Matemáticas ou Tecnoloxía, véndose afectados con esta decisión moitos dos socios da nosa Asociación.
2º.- Ao longo destes anos, nos case 70 números publicados da nosa revista e próximos a realizar o XXIII congreso da nosa Asociación, a maioría das publicacións e comunicacións foron presentadas en galego, probando que é unha lingua tan natural coma outras para transmitir e divulgar ideas científicas. Ningunha razón científica pode argumentar unha chata ou deficiencia por usar o galego para falar de Ciencia.
3º.- Unha parte importante das actividades da nosa Asociación están relacionadas co estudo, divulgación e investigación de métodos que acheguen a ciencia á sociedade e ao alumnado das distintas idades, o que, xunto co apartado anterior, amosa que o profesorado de Ciencias ten un interese especial por conseguir a máxima competencia do alumnado galego nas materias das súas áreas e promover o uso común do galego na aula é unha mostra dese achegamento á sociedade galega. O contrario sería continuar a longuísima etapa de imposición do castelán, procurando que o galego estea practicamente fóra do sistema educativo, polo menos de moitas materias de Ciencias, o que vai en contra de todo argumento pedagóxico e lembra os tempos escuros de “la letra con sangre entra”, máxima antipedagóxica por excelencia que hoxe todos rexeitamos.
4º.- Diversos informes científicos coñecidos pola Consellería de Educación proban que a competencia xeral do alumnado é menor en galego que en castelán. Dado que necesariamente o obxectivo educativo neste tema é o de acadar unha boa competencia tamén en galego, a Consellería debería tomar decisións para conseguir ese obxectivo. Sorprende que, no seu lugar, apunten ao contrario, ao reducir as materias a impartir en galego e decidir que a maioría das de Ciencias sexan impartidas en castelán contradicindo no caso do galego o que a propia Consellería promove no inglés.
5º.- O decreto supón unha imposición aos profesores, moitos da nosa Asociación, do uso do castelán. En vez de promover o uso do galego como sería razoable nunha comunidade cunha lingua propia, promóvense leis que o desprotexen, involucrando nesta tarefa ao profesorado das áreas de Ciencias. Isto é malo para o país, para os centros, para a docencia das ciencias, para o profesorado implicado nestas áreas e, por suposto, malo para o alumnado e para toda a sociedade galega.
6º.- Por todo isto, consideramos razoable e apoiamos a decisión do profesorado que se ten manifestado publicamente no sentido de non aceptar a substitución do galego polo castelán nas súas aulas.
Santiago de Compostela a vinte e sete de maio de 2010
·
E aquí a campaña “En galego tamén se fai ciencia” promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística das universidades galegas.
[En galego tamén se fai ciencia from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.]
Hoxe ponse en marcha de novo o Gran Colisor de Hadrones do CERN, que pretende facer chocar feixes de protóns. Podedes seguilo en directo aquí.
Ao chocar entre si, os protóns desintegraranse en partículas elementais, o que permitirá estudar:
Antes de poñer o LHC en marcha os científicos e enxeñeiros (e científicas e enxeñeiras) do CERN levan meses facendo probas nos sistemas de guiado dos feixes de protóns e nos sistemas de protección dos instrumentos.
¿Queredes facer estas probas?
En realidade non debe de ser tan sinxelo como nolo pintan neste simulador, pero válevos para ter unha idea do que están a facer alí.
Con este simulador podedes controlar algúns dos parámetros do LHC como a temperatura dos supercondutores, o campo electromagnético e a enerxía da colisión, que deben estar ben axustados para que o colisor funcione.
Probade con estes valores:
Despois de bloquear os valores dádelle a “run” e podedes ver as imaxes capturadas. Logo mediante as ferramentas (tools) podedes mirar se atopastes o bosón de Higgs.

Neste vídeo podes ver o que ocorre no interior do LHC:
Da botella ao Big Bang: A viaxe dun protón no LHC
[youtube: De la botella al Big Bang: El viaje de un protón en el LHC ]
(Información: microsiervos, Simulador: Electrónica Pascual)
Hoxe vai un off-topic, pois non vou falar de tecnoloxía, senón de química. O post saíume un pouco longo, pero non quería deixar fóra detalles.
Isto vén a conto da visita á miña casa dun comercial dunha empresa de purificadores de auga, que se ofreceu a analizar a auga de consumo da miña vivenda e facer una demostración da súa pureza. Nunca recibo vendedores a domicilio, pero neste caso tiña curiosidade polo que ían contar xa que soábame que había un timo por alí agochado.
Recoñezo que a química téñoa bastante esquecida, pero non o suficiente para darme de conta do fraude da demostración. Isto foi o que pasou:
Despois da presentación, o comercial pediunos 4 vasos de auga.
1 – Auga da traída.
A auga da traída vén clorada para desinfectala e evitar a proliferación de microorganismos patóxenos. Este cloro atópase na auga en forma iónica Cl- ou combinado con outros elementos, sobre todo hipocloritos ClO-.
2 – Auga purificada
Tratou a auga da billa mediante un trebello de osmose inversa que levaba nunha maleta, similar ao da imaxe:

A osmose inversa é un proceso físico que consiste en facer pasar auga a través dunha membrana semipermeable dende unha solución máis concentrada a unha menos concentrada mediante a aplicación de presión. As sales en disolución quedan retidas na membrana.

3- Auga fervida
Ao ferver a auga da traída, a auga pura evapórase e aumenta a concentración de sales en disolución.
4- Auga mineral
Contén moitas sales en disolución, como poden ser sales de sodio, magnesio, calcio, etc.. Podédelo ver no etiquetado das botellas.
Unha vez colocados os vasos enriba da mesa comezou a festa.
O primeiro que soltou foi que o cloro da auga é tóxico, provoca cancro e infinidade de enfermidades. A intención non é outra que asustar á xente sobre o consumo de auga da traída.
Vaia! Entón ollo con botarlle sal á comida. O sal común é cloruro de sodio, NaCl, que ao disolverse na auga sepárase nos ións Cl- e Na+. Como pode dicir que o cloro canceríxeno?
O que si é tóxico é o gas cloro Cl2, pero non é precisamente gas cloro o que atopamos na auga que temos na casa.
En referencia ao cloro da auga, non está demostrado cientificamente que os compostos derivados provoquen cancro, anque algúns xornais publicasen artigos sensacionalistas dicindo que si. O que si está demostrado é a súa eficacia na desinfección da auga, e hai que ter en conta que as augas urbanas están sometidas a estritos controis de calidade periódicos.
Despois de poñer ao cloro coma un veleno que debíamos evitar a toda costa se non queríamos morrer de cancro dixo que ía determinar a cantidade que levaba cada un dos vasos que había enriba da mesa.
O primeiro que fixo foi utilizar un condutivímetro.
Como o seu nome indica, mide a condutividade da disolución, e determina así a concentración de electrólitos que contén en ppm (partes por millón)
Os electrólitos son ións, que ao ser partículas cargadas responden cando aplicamos unha diferencia de potencial. Canto maior sexa a concentración de sales maior condutividade terá a auga.
Esta sales poden ser Na+, Cl-, Ca++, ClO-, etc.
Despois de facer a proba comprobouse que a maior concentración de electrólitos tíñaa a auga mineral, logo a fervida, logo a da billa, e a purificada practicamente non tiña.
Claro que o comercial non o explicaba así, senón que aprovéitanse de que non todo o mundo sabe o que é un electrólito e daba a entender que o que estábamos medindo era a concentración de substancias perigosas e contaminantes da auga. Vamos, que todas as augas teñen unha concentración elevadísima de algo horrible excepto a purificada co seu aparello.
Para demostrar doutro xeito a concentración de cloro na auga fixo un novo experimento. Botou unhas gotas de ortotolidina en cada un dos vasos. A ortotolidina reacciona co cloro disolto e tinxe de amarelo a disolución. Canto maior sexa a concentración de cloro máis escura resulta.
Hai que ter valor para dicir que o cloro é canceríxeno e que logo utilice ortotolidina para a demostración, composto que está catalogado como probable canceríxeno humano pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Centro Internacional de Investigacións contra o Cancro (CIIC). De feito xa está retirado o seu uso nos test de cloro das piscinas.
Evidentemente a auga tratada por osmose inversa quedou completamente transparente.
O seguinte foi dicir que o cloro pégase á comida e estámolo consumindo, nun ton que vía a dicir algo así como que esta substancia horrible, canceríxena e tóxica é absorbida pola comida.
Para facer a demostración pediunos unha mandarina, partiuna pola metade e meteuna nun vaso. Ao cabo dun tempo desaparecía a cor amarela da auga, e a conclusión foi que “o cloro pégase aos alimentos e estádelo consumindo!”
Vaia, pois iso é o mesmo que cando metemos unhas anchoas en sal. O cloruro sódico é absorbido por elas. O mesmo ocorre con esas olivas que comemos, que non viñan salgadas da oliveira. As sales absórbense polas células dos organismos, pero iso non ten por que ser prexudicial. Pero claro, se non pensamos niso e nos deixamos sorprender polo experimento da desaparición do ton amarelo caemos na trampa.
O último experimento foi unha electrólise en cada un dos vasos de auga
A electrólise é unha reacción química que se produce aplicando a electricidade.
Necesítase unha disolución con contido en electrólitos (sales disoltas, como Cl-) para que funcione como medio condutor eléctrico. Aplícase corrente continua mediante uns electrodos (ánodo e cátodo) de xeito que os ións son atraidos por cada electrodo segundo a súa carga.
Nos electrodos prodúcese unha transferencia de electróns entre os elementos que forman o electrodo e os ións, producíndose novas substancias.
Non estou segura da composición do electrodos do aparello que utilizou, pero parecéronme de aceiro e aluminio. Tampouco sei cal é exactamente a reacción química que se produciu (e se alguén a sabe agradézolle que mo diga), pero ao facer a electrólise en cada un dos vasos obtívose o resultado dun precipitado noxento en cada un deles, excepto no da auga purificada, xa que ao eliminarlle os electrólitos non produce a reacción.
Supoño que se trata dun precipitado de ferro.

(imaxe collida de aquí)
A mensaxe do comercial era que todo ese precipitado que estabamos a ver eran substancias que se atopaban na auga que consumimos, era a porcallada que leva agochada e que non se ve, e que grazas ao seu experimento sacabámola á luz.
De novo aprovéitanse do descoñecemento da xente, pois non todo o mundo sabe o que é unha electrólise e que nesa reacción prodúcense novas substancias, e fan crer que todo iso atopábase na auga.
O comercial xa se dera de conta que na miña casa non ía vender nada, e deixou sen explicarnos cousas que tiña preparadas. A intención era a de vender un purificador de auga de nada menos que 2.500 €.
Están indo polas casas e pisos de moitas cidades de Galicia, e aprovéitanse da xente maior sen estudos e preocupada pola súa saúde para facerlle crer que a auga da traída, a do pozo ou a auga mineral embotellada son malísimas. Non é que o aparello que venden sexa malo (o prezo si), pero dende logo que os métodos que empregan para convencer á xente son un auténtico timo.
Síntome na obriga, polo tanto, de avisar destes feitos para evitar na medida do posible que máis xente sexa vítima deste fraude. E tamén destacar a importancia de que a ciencia e a tecnoloxía formen parte da cultura da poboación. A incultura científica e tecnolóxica fainos vulnerables ante aos fraudes, timos, crenzas e lendas urbanas.