Thinking Machine 4 é un xogo de xadez on-line que nos permite observar como funciona a intelixencia artificial.
Antes de que a máquina faga un movemento, realiza un cálculo de tódalas posibilidades, e con esta aplicación podemos visualizar o proceso:
Unha serie de curvas laranxas amosan os posibles movementos da máquina e unhas verdes os posibles movementos do xogador/a. A máquina coñece tódalas posibilidades en moi pouco tempo, e é capaz de avaliar cales son as mellores xogadas entre as atopadas.
Xa abonda coas innumerables distribucións que existen do sistema operativo Linux, e agora chega unha nova, pero esta vez galega e en galego: Galinux
Trátase dun completo sistema operativo en galego e baseado en Ubuntu e desenvolvido polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre conxuntamente coa comunidade galega de software libre. Nace como iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, que o presenta hoxe en Santiago.
O 9 de decembro de 1968 o enxeñeiro Douglas Engelbart presentou un novo dispositivo para interactuar cos ordenadores: o rato!
O primeiro prototipo foi construido de xeito artesanal con madeira, como podes ver na foto, e patentouse con nome de “X-Y Position Indicator for a Display System”.
Moito teñen evolucionado os ratos dende aquela. Durante moito tempo usamos os ratos de bola, logo viñeron os ratos ópticos e os “touchpad“. A saber como será dentro doutros 40 anos a interface que usaremos para interactuar cos ordenadores.
No blogue “4ºD” fálannos do proxecto Monalisa, que consiste en converter unha imaxe en son e un son nunha imaxe.
Este vídeo amósanos unha instalación que utiliza ese sistema. Ao principio faise unha foto. Despois esta foto convértese en son e reprodúcese. Este son recólleo un micrófono que volve converter o son en imaxe a cal proxéctase na pantalla.
Pódese ver que a imaxe resultante queda distorsionada. Isto é porque o son vese afectado pola resonancia das paredes da habitación, por iso sae a imaxe repetida.
O sistema supoño que consistirá en establecer unha equivalencia dixital son-imaxe. Cando dixitalizamos a información somos capaces de converter imaxes e audio en impulsos eléctricos que se traducen en información binaria, e tamén podemos realizar o proceso inverso, unha información almacenada de xeito dixital podemos reproducila a través dun altofalante ou dunha pantalla. Podes saber algo básico sobre isto na sección de “dixitalización da información”
Se dispoñedes dun iPhone, podedes probar o sistema de converter imaxe en son coa aplicación gratuíta iMonalisa, desenvolvido por Audible Realities
O documentalista belga Paul Otlet foi un dos primeiros visionarios de Internet, pois publicada na súa obra de 1932“Tratado sobre Documentación. O libro sobre o libro.” unha visión sobre o futuro dos soportes e distribución da información. Este home pronosticou hai máis de oitenta anos unha rede inmediata e universal moi similar ao que hoxe é Internet.