tecnoloxia.org

XII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

Para o profesorado de Tecnoloxía: Xa están en marcha as XII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia, organizadas por APETEGA.

Este ano terán lugar no IES A Guía, en Vigo, os días 31 de maio e 1 de xuño de 2013, e contarán con múltiples obradoiros prácticos. O prazo de inscrición abrirase o 17 de maio.

Tedes toda a información na web de apetega.

 

Intentarei achegarme por alí, pero coa intención de tomalo con calma. A ver se me atopo ben eses días.

votar

Campaña en favor da Educación Tecnolóxica

Desde a Plataforma Estatal de Asociacións do Profesorado de Tecnoloxía, PEAPT, está a organizarse unha campaña informativa-reivindicativa na que se explicará que é a Tecnoloxía e a contribución da EducaciónTecnolóxica no Sistema Educativo, coa fin de facer ver o nefasta que pode ser a eliminación destas ensinanzas, tal e como se prevé na LOMCE.

Para poder levala a cabo necesítase a vosa colaboración económica, que podedes facer a través da plataforma de crowdfunding lanzanos.com. O procedemento é moi sinxelo e seguro.

Eu xa fixen a miña contribución :-)

votar

III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en galego

Pensaba que esta convocatoria sería para un día concreto en novembro coma nos anos anteriores, pero parece ser que o III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego celébrase este ano desde o 16 de outubro ata o 5 de novembro. Este evento está organizado polas asociacións IGACIENCIA, AGAPEMA, ENCIGA e APETEGA, e ten coma principal obxectivo defender a idoneidade do uso do galego nas áreas de ciencias e de tecnoloxía.

Desde a organización propóñense varias actividades, entre elas:

Tecnopoly

Ideado por profesorado de APETEGA, consiste nun xogo similar ao Monopoly, pero as rúas substitúense por inventos das diferentes épocas da historia da humanidade: parafuso de Arquímedes, arcos, imprenta, máquina de vapor, transistor, robots, … onde os xogadores comprarían as patentes ou dereitos de explotación. As casiñas de sorte e similares substitúense por preguntas tipo trivial que dan cartos ou posibilidade de volver tirar.

Tanto o taboleiro como os cartos e títulos de propiedade están dispoñibles para a súa descarga nun formato imprimible:

Ponte e cúpula desmontables de Leonardo:

Podemos construír no taller unha ponte deseñada por Leonardo Da Vinci que non necesita cravos nin cordas para unir as madeiras. Neste documento tedes as instrucións. Veredes que fácil!

No IES A Sangriña de A Guarda vai construíla o alumnado de 2º de ESO. O profesor, Antonio Lomba, busca financiación para poder construír unha ponte de grandes dimensións (2 ou 3 m de largo), así que se alguén se anima a axudar, que se poña en contacto con el.

Outro traballo interesante é a construción dunha cúpula baseada nun patrón iniciado por Leonardo Da Vinci. Neste documento tedes as instrucións.

Vídeoconferencia do CERN

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística propón de novo unha interesante actividade. Reunirán nunha videoconferencia a varios investigadores e investigadoras que participan nos experimentos do LHC e que nos contarán a súa experiencia científica e lingüística e as vantaxes que lles supuxo saber falar galego.

Será o martes 6 de novembro entre as 12:30h e as 13:30h e está destinado ao alumnado do segundo ciclo de ESO e Bacharelato. Tedes aquí máis información.

Como material complementario para os máis cativos temos “Alicia e a sopa de quarks e gluóns“, banda deseñada creada dende o CERN na que se explica dun xeito didáctico cales son as partículas elementais e como se experimenta con elas no proxecto ALICE. Descargar pdf.

Revoltallo de termos

Foi unha actividade promovida por este blogue para o evento de hai dous anos, pero segue aberta a todas aquelas persoas que queiran utilizala. Consistiu en enviar a través dun formulario un termo en galego do mundo da tecnoloxía, e logo realizar cos termos recollidos unha serie de actividades: encher as paredes con eles, participar na galipedia, etc.

Tedes toda a información na sección “Revoltallo de Termos“.

Cando?

Non é estritamente necesario que estas actividades se fagan estes días, agás o da conferencia, claro. A ciencia e a tecnoloxía poden ser en galego todos os días do ano!

votar

En apoio da Educación Tecnolóxica

Estamos ante unha nova reforma do Sistema Educativo e, unha vez máis, proponse reducir e desfigurar a Educación Tecnolóxica, incluso eliminala en 4º de ESO e Bacharelato. Neste rancio país o desprezo cara á Tecnoloxía faise máis ca evidente no anteproxecto da LOMCE.

Mentres nos países da nosa contorna a educación tecnolóxica está presente en todos os niveis educativos, ou incluso están a propoñer aumentala, aquí considérase que non cómpre educar á xente máis nova en tecnoloxía nin orientala cara ós estudos técnicos superiores, provocando a incultura tecnolóxica nas futuras xeracións de cidadáns e cidadás, a falta de capacidades para manexarse nunha contorna tecnolóxica desde unha visión crítica e formada, e o mantemento dun dos tópicos máis estendidos no noso país que ve a tecnoloxía como algo externo, alleo á nosa cultura, pondo freo ao desenvolvemento e á innovación tecnolóxica.

En APETEGA temos que quitarlle o po á antiga pancarta que di “A tecnoloxía é cultura“. Tal vez non debemos gardala nunca.

Que facer ante esta situación?

A Plataforma Estatal de Asociacións do Profesorado de Tecnoloxía, PEAPT, na que está integrada a asociación galega APETEGA, está a traballar para defender a educación tecnolóxica, presentando unha proposta argumentada e razoada desta defensa.

 

Pídense apoios individuais ás nosas propostas. Se pensas que en pleno século XXI a educación tecnolóxica debe estar presente en todas as etapas do ensino, podes asinar a petición en Change.org

 

Solicítanse tamén apoios institucionais. Escolas universitarias, colexios oficiais, departamentos de FP, sindicatos, asociacións, empresas, partidos políticos e todas aquelas entidades que defendan a Educación Tecnolóxica en ESO e Bacharelato poden enviarnos unha carta de apoio asinada.

 

Agardamos que, coa vosa axuda, se lle dea a volta a esta preocupante situación.

  • Neste blogue, toda a información relacionada coa LOMCE leva a etiqueta tecnocidio.
votar

Suspéndense as Xornadas Scratch+Arduino

Eis unha das primeiras consecuencias da aprobación do Anteproxecto LOMCE: Suspéndense as Xornadas Scratch+Arduino previstas para realizarse o mes de novembro.

No momento en que teñamos algunha garantía de poder continuar incorporando as linguaxes de programación, os sistemas de control e a robótica nos currículos escolares consideraremos a posibilidade de retomar de novo a organización destas xornadas.

Unha mágoa, pero a situación non deixa outra opción.

Máis información aquí

votar