Electrónica. Introdución .
Guía didáctica
Nesta sección se introducen os conceptos básicos de electrónica. A finalidade é que o alumnado sexa capaz de identificar compoñentes electrónicos, interpretar esquemas electrónicos e aplicar e deseñar circuítos electrónicos para os seus proxectos.
Nivel:
O nivel é inicial.
- Nivel 1: Os apartados que inclúen esquemas electrónicos sinxelos.
- Nivel 2: inclúen esquemas electrónicos de máis complexidade.
Todos os contidos están adaptados para o nivel de 4º de ESO, pero moitos deles tamén se poden impartir en 3º de ESO. O problema de impartir a electrónica en 3º de ESO é que apenas hai tempo con dúas horas á semana, e estes contidos necesitan a construcción de montaxes prácticas. De todos os xeitos, aínda que teñamos pouco tempo, creo que é importante explicar en 3º unha pequena introdución á electrónica, que saiban o que é, qué diferencia hai entre electrónica analóxica e dixital e que realicen algunha montaxe sinxela.
Recursos:
Recoméndase utilizar como recurso adicional un programa de simulación de circuítos eléctricos e electrónicos.
Actividades:
Inclúese en cada sección unha serie de actividades no ordenador coas que se pretende que o alumnado repase os contidos tratados.
Prácticas
e proxectos:
Resulta imprescindible a realización de montaxes prácticas con compoñentes reais. Os contidos e actividades que aquí se presentan non son máis ca un complemento para a aprendizaxe, pero non debe substituír o traballo práctico no taller. Para iso preséntanse unha serie de actividades prácticas e propostas de proxectos:
- Cada sección inclúe ao final unha ficha de prácticas. Recoméndase utilizar unha placa de prototipos para aforrar tempo e reciclar compoñentes.
- Propostas de proxectos: Inclúense unha serie de propostas de proxectos con certo grao de apertura. A intención é que o alumnado aplique os coñecementos adquiridos para o deseño e montaxe de prototipos.
Cuestionarios
de navegación:
Inclúese un cuestionario de navegación para cada sección para que o alumnado vaia contestando a diversas preguntas relacionadas cos contidos que aparecen en cada páxina a medida que as vai visitando.
Suxestións:
Para calquera dúbida ou suxestión podedes escribirme un correo electrónico