
O programa activo nese intre executa unha rutina encargada de xestionar o que fai cando lle chega unha instrucción dende o teclado. Neste caso, ó tratarse dun procesador de textos, a información se traducirá en escribir un A onde se atopa o cursor. Se o programa activo nese intre fose outra aplicación, como por exemplo un programa de debuxo, a rutina podería decidir non facer nada con esa información que lle chega.
O procesador de textos ten gardada na memoria RAM a información sobre o texto que está escribindo, as súas características (tamaño, cor, fonte, ...) e a posición do cursor.

O primeiro que fai é introducir a nova información (01000001) na cela de memoria correspondente.
Logo execútase unha rutina encargada de representar graficamente na pantalla a información que se almacena na memoria. Para iso hai que asignar a cada letra, neste caso a letra A, a codificación correspondente á súa plantilla en píxeles, segundo a fonte coa que se estea a traballar. (Un píxel é o elemento máis pequeno dunha imaxe creada por ordenador.)
Esta información gárdase tamén na memoria RAM. Ollo!, na memoria non se garda ningunha imaxe, a plantilla en píxeles que se garda é tamén unha codificación de ceros e uns.
O procesador de textos xa rematou o seu traballo. Agora hai que enviar esta información ao monitor para que a podamos ver.