Código Octopus

Programación multidisciplinaria con Scratch na Educación Primaria e Secundaria

Benvidas e benvidos a Código Octopus!

Con este post queda inaugurado oficialmente este espazo no que unha chea de polbos e outros animais mariños van intentar axudar ao profesorado galego a introducir a programación con Scratch nas aulas de Educación Primaria e Secundaria.

Aquí atoparedes moitos exemplos para aprender a programar con Scratch, unha morea de propostas didácticas para diversas materias e niveis e que, coas vosas achegas, temos intención de ir ampliando, un feixe de ideas e recursos para avaliar os proxectos de programación (non vos perdades os carnés de cefalópodo), e tampouco falta a xustificación pedagóxica de todo isto.

Presentaremos este traballo o vindeiro día 1 de xullo no Congreso de Software Libre para Educación, cun obradoiro no que podedes experimentar con Scratch e deixarvos engulir pola espiral da creatividade.

Invitámosvos a mergullarvos nesta web, pero sen afogarvos. Isto non é máis ca un proxecto que acaba de comezar ao que pretendemos dar continuidade ao longo do tempo, polo que desexamos recibir os vosos comentarios, críticas, suxestións e calquera achega que nos axude a mellorar.

26 Xuño 2014, por María L | 0 comments
Etiquetas: