Código Octopus

Programación multidisciplinaria con Scratch na Educación Primaria e Secundaria

Pedagoxía conectista

Nota: Na maioría da bibliografía actual en galego e castelán utilizase o termo conectivismo  no canto de conectismo. Nos títulos de libros e artigos citados aparecerá desa maneira.

A rede do coñecemento

“… O problema está a alcanzar un punto crítico: a cantidade de coñecemento dispoñible está a chegar a extremos abafadores, e cada vez temos máis necesidade de poder usalo. Todo o mundo está convencido de que hai que tomar medidas radicais respecto da educación, tanto a dos nenos e nenas como a das persoas adultas. O mundo está a volverse tan complicado que as escolas xa non son capaces de ensinar ao alumnado o que debe saber, pero a industria tampouco está equipada para facer fronte ao problema. Algo ten que cambiar.”. (Aristóteles, a rede do coñecemento. W.Daniel Hills. Artigo dentro do libro Cultura, de John Brockman (ed.), editorial Critica.)

É nesta situación na que algo ten que cambiar onde irán aparecendo novas teorías e metodoloxías da aprendizaxe. Unha das máis recentes, e que aínda non podemos considerar coma unha teoría plenamente establecida como poidan ser o construtivismo ou condutismo, é o conectismo, un intento de levar a pedagoxía construtivista actual cara ao século XXI e recoñecer que xunto á escola, a familia e a sociedade tradicional, incluíndo os medios de comunicación, temos un novo participante na aprendizaxe dos individuos: Internet. Unha Internet que redimensiona a importancia de todos os outros participantes, dende a crise dos medios de comunicación tradicionais ata o auxe das redes sociais como “sociedade aumentada” (ver o libro de Dolores Reig Socionomía)

E ademais todo indica que estamos só no inicio de cambios sociais e culturais significativos, cando menos na aprendizaxe e uso da información. Algúns autores, como Daniel Hills no artigo citado, prognostican o seguinte paso: da rede da información e das redes sociais á rede do coñecemento:

“Coa rede de coñecemento, a información que foi acumulando a humanidade farase máis accesible, mais manexable e máis útil. Todo aquel que queira aprender poderá coas explicacións máis valiosas e mellores do que desexa saber, e todo aquel que teña algo que ensinar disporá dun medio para alcanzar a quen quere aprender. As e os profesores superarán o seu papel presente de dispensadores de información para se converteren en guías, mentores, auxiliares e autores. A rede do coñecemento faranos máis intelixentes, e, como idea, está en sazón.”. (Aristóteles, a rede do coñecemento. W.Daniel Hills. Artigo dentro do libro Cultura, de John Brockman (ed.), editorial Critica.)

Namentres chegamos á rede do coñecemento, o profesorado e os administradores educativos temos a obriga de formar e formarnos de cara a un mundo distinto do que nós tivemos de pequenos. Esa é a proposta do conectismo. Usando plataformas como Scratch entramos nunha contorna de aprendizaxe conectista caracterizada por:

  • A comunidade como construtora de coñecemento, coñecemento compartido entre todos, accesible e público.
  • Os individuos coma nodos nas redes: terán máis “importancia” se teñen máis conexións activas, por exemplo, creando ou achegando información relevante e compartida.
  • A información significativa é interdisciplinaria.
  • Un mesmo individuo terá distinta consideración en distintas redes.
  • As plataformas de aprendizaxe son sociais e de metodoloxía científica: abertas, fomentan a investigación e a creación,…

O conectismo, unha nova teoría da aprendizaxe?

Todo iso pode parecer utópico, pouco práctico e sobre todo moi caótico, pero dalgún xeito sinala direccións correctas nas que camiñar a pouco que recoñezamos a problemática situación actual. Vexamos un vídeo e dous artigos relevantes sobre o conectismo:

Conectivismo: una teoría del aprendizaje para la era digital by Juan José

Outro artigo relevante, onde vemos a comparación entre os diversos modelos educativos Conectivismo y educación (Marcos Carlos Avalos).

A importancia das Contornas persoais de aprendizaxe (PLE)

A carón do concepto de rede do coñecemento terán importancia as denominadas Personal Learning Environment, sistemas que axudan os estudantes (e lembremos que todos somos estudantes na sociedade actual) a xestionar a súa aprendizaxe. Pode lerse máis no artigo da wikipedia (en castelán) ou ver exemplos como Symbaloo EDU.

O que aprenda o alumnado na escola só será o inicio da súa aprendizaxe, cando menos coas contornas dixitais. Unha plataforma como Scratch é un PLE pois está deseñado para permitir a aprendizaxe autónoma do estudante unha vez sexa quen de compartir  as súas creacións coa comunidade e aproveitarse do traballo dos demais para desenvolver outras tarefas.

Metodoloxía conectista: A espiral da creatividade

O mentor e creador de Scratch, Mitchel Resnick, tamén é o deseñador da espiral da creatividade coa que pretende ilustrar a metodoloxía de traballo conectista: o punto de partida é a imaxinación (de alumnado e profesorado), creamos para chegar a compartir e despois continua indefinidamente o proceso de creación-aprendizaxe, ben individual desenvolvendo o proxecto, ben doutra parte da comunidade. Lembremos o principio de que o coñecemento é colectivo, non individual.

espiral da creatividade

Espiral da creatividade

Nos nosos proxectos en Código Octopus temos algunhas propostas para ilustrar o traballo na aula seguindo a espiral da creatividade.

Coavaliación P2P: novo paradigma

Un exemplo para recoñecer algunhas características da situación actual témolo na seguinte proposta didáctica: Podemos introducir como ferramenta de avaliación a participación na rede, na comunidade, do noso alumnado, avaliada non pola nosa opinión (heteroavaliación) ou a dos compañeiros de clase (coavaliación), senón polo uso que fagan outros usuarios externos da creación e achegas públicas (e que podemos denominar coavalaición peer-to-peer, P2P). Isto por suposto non substitúe en absoluto á avaliación “real”, senón que a aumenta con novos matices e posibilidades, incorporando unha dimensión “virtual” ou social no proceso de avaliación. O criterio para decidir se un programa de Scratch é mellor ou peor ca outro tamén pode ser como o valore a comunidade da plataforma.

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone


8 Maio 2014, por Daniel R.P.      

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.