Código Octopus

Programación multidisciplinaria con Scratch na Educación Primaria e Secundaria

A intelixencia dos polbos

Por David S. de Lis

Programador, experto en seguridade en TIS (Telefónica Ingeniería de Seguridad)

Os polbos son animais asombrosos, fascinantes:

  • Posúen unha capacidade de camuflaxe difícil de igualar no reino animal.
  • Son flexíbeis, rápidos e fortes. Teñen tentáculos que lles permiten manipular con grande habilidade, e con centos de ventosas, cada unha delas con miles de receptores olfactivos e de tacto, capaces de utilizar ferramentas e facer capturas e escapadas imposíbeis.

[Vídeo rodado no Aquarium Finisterrae de A Coruña]

  • Teñen dous grandes ollos que ven coma os nosos, facilitando a visión binocular e o cálculo de distancias.
  • Son capaces de aprender e adaptar o seu corpo e comportamento para simular outros animais, facilitando a caza ou a fuxida en caso de perigo.

O máis importante de todo é que non só aprenden moitas cousas, senón que logo utilizan eses coñecementos para afrontar novos problemas, e esa é a marca da intelixencia.

Científicos británicos prognosticaron que descendentes dos polbos actuais son os animais que máis probabelmente herdarán a terra dentro de douscentos millóns de anos, na serie de ciencia especulativa da BBC “The Future is Wild” (O futuro é salvaxe). O capítulo completo é fascinante.

Hoxe en día os polbos teñen como os seus meirandes inimigos a contaminación dos mares e o ser humano, como consumidor. Dado que os ciclos reprodutivos dos polbos son moi delicados –unha femia pon entre cen mil e varios millóns de ovos, mais só 4 ou 5 sobreviven á súa primeira semana de vida, e a femia normalmente morre de fame, xa que nunca abandona a posta de ovos–, a pesca indiscriminada de polbos pode levar á extinción de especies completas en moi pouco tempo.

Protexamos estes intelixentes animais, que realmente poden sorprendernos cada día.

Benvido ao mundo dos polbos!

P.S.- Queredes unha proba de que os polbos dominarán o futuro? Aquí tedes unha. Correde!

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone


23 Xuño 2014, por María L      

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.