Código Octopus

Programación multidisciplinaria con Scratch na Educación Primaria e Secundaria

Rúbricas

Vexamos a definición de rúbrica na Wikipedia:

“Unha rúbrica é un conxunto de criterios e estándares, xeralmente relacionados con obxectivos de aprendizaxe, que se utilizan para avaliar un nivel de desempeño ou unha tarefa. As rúbricas permiten estandarizar a avaliación de acordo con criterios específicos, facendo a cualificación máis simple e transparente…

(…) Permite que profesorado e estudantado, por igual, avalíen criterios complexos e subxectivos, ademais de prover un marco de autoavaliación, reflexión e revisión por pares…

Na nosa proposta, a rúbrica debe utilizarse do seguinte xeito:

  • Debe utilizarse para tarefas abertas, proxectos de creación e traballos en grupo.
  • Debemos mostrarlla ao grupo clase no mesmo momento de entregar o enunciado da tarefa que se vai resolver ou crear. Deste xeito queda explícito o proceso de avaliación como parte constituínte do proceso de aprendizaxe. Se o noso alumnado non ten experiencia na avaliación con rúbricas, podemos mostrarlla cada vez que corrixamos un defecto do programa ou do proceso de traballo. Cando teñan experiencia, a posibilidade de consultar a rúbrica achega unha maior autonomía no proceso de aprendizaxe.
  • Nos traballos en grupo a rúbrica pode servir como referencia para o reparto do traballo ao inicio do proceso.
  • Ao finalizar o proceso, a rúbrica pode utilizarse para a coavaliación e para a heteroavaliación, en especial para cualificacións cuantitativas, outorgando un maior grao de obxectividade e transparencia a unha avaliación subxectiva.
  • A rúbrica tamén é útil para guiar a fase de exploración ou investigación. Por exemplo, se o grupo le que aumenta a nota a concordancia entre a narración musical e a narración visual nunha historia, é máis probable que investigue outras historias na plataforma para fixarse neste aspecto en particular. Deste xeito, o profesorado non ten que estar supervisando persoalmente todos os aspectos da tarefa.

Para tarefas pechadas a rúbrica pode ser unha ferramenta interesante cando se pretenda facer coavaliación ou valorar diversos apartados da tarefa (deseño, claridade do código, etc.) e non só a funcionalidade do programa.

A seguinte rúbrica é unha rúbrica xeral para avaliar tarefas.  Pode accederse a ela para descargala aquí.

Importante!: O profesorado que queira utilizala debería personificala para cada tarefa concreta. Non debe utilizarse toda a rúbrica. Código Octopus fixo unha adaptación específica para avaliar historias e narracións, que pode descargarse aquí.

Se se quere cualificar numericamente pode asociarse cada categoría (fila) cun número (no noso exemplo iría de 4 a 1) e darlle un peso a cada categoría dependendo do que queiramos destacar (a nota de programación, por exemplo, pode multiplicarse por 2) .

Unha opción interesante para recoller a información das rúbricas (tanto na heteroavaliación por parte do profesorado como na coavaliación dos compañeiros e na propia autoavaliación) é crear un formulario (por exemplo, coa ferramenta de Google Drive; traballando en Moodle tamén sería factible) que recolla as avaliacións nunha folla de cálculo.

Vexamos o noso exemplo:

 

O interesante deste método é que permite recoller información con moita axilidade e logo proceder a unha análise cualitativa (con gráficos automáticos) ou cuantitativa, de grupo e individual.

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone


18 Xuño 2014, por Daniel R.P.      

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.