Código Octopus

Programación multidisciplinaria con Scratch na Educación Primaria e Secundaria

A escala musical

Un uso salientable do Scratch é a música. Escribir e analizar melodías é un proceso similar a escribir e analizar código. Algunhas das múltiples posibilidades da música coa programación poden ser:

  • Xerar música combinando sons, notas, acordes, …
  • Escoitar os mesmos acordes e melodías con instrumentos distintos.
  • Visualizar a partitura ao mesmo tempo que se executa a música (a visualización pode ser interactiva, con animacións, …)
  • Crear e/ou incluír música e voz nunha narración textual e/ou visual.
  • Crear e/ou incluír música nun xogo.

Esta proposta está dirixida principalmente ao profesorado de música. Imos facer que o alumnado exercite os conceptos básicos musicais de ton e semitón, xogando a compoñer un piano, primeiro desafinado e despois totalmente destruído. Unha vez traballados eses conceptos propoñemos a realización dun xogo no que exercitemos o oído en detectar sons máis agudos ou graves e frases musicais.

O piano desafinado:

O piano caeu ao mar e pasou tanto tempo nel que desafinou. Toca o piano e atopa as notas desafinadas. Mestura o programa e cambia o código. Converte este piano nun órgano cambiando o instrumento que se está a tocar. Escolle o que máis che guste ou anímate con varios.

Ademais, imos exercitarnos na depuración do programa corrixindo os seguintes erros:

  1. Cámbialles o nome ás teclas para que representen o nome das notas en galego.
  2. Pon a cero cada tecla, indicándolle a cada unha as coordenadas onde deben estar ao comezo do programa.

[Scratch:Piano no fondo do mar]
O piano está desafinado. Descobre que teclas precisan da túa afinación.

Estragouse o piano

Desta vez o piano non resistiu o afundimento. Serás quen de volvelo ensamblar para que sexa un piano de verdade? Mestura o código e arranxa o piano.

[Scratch: Estragouse o piano]

Podemos converter esta programa nun xogo. Deseña un xogo no que as teclas estean repartidas aleatoriamente polo fondo do mar e haxa que colocalas en orde (Terás que empregar os sensores de estar en contacto con outros obxectos).

Fai un xogo co piano

O que che propoñemos agora é que fagas un xogo no que o público exercite o seu ouvido musical. Velaquí dous xogos feitos por nós, podes adaptalos, cambiando as cancións ou facer un novo xogo:

Parabéns para ti

Neste xogo debes tocar a canción de aniversario “Happy Birthday to you”, comezando pola primeira tecla. Estuda o código e engade as seguintes opcións:
a) Muda o escenario e fai bailar o polbo na versión final da canción.
b) Engade algunhas pistas polo medio, cando as persoas se equivoquen.
c) Un pouco máis difícil: Cambia a canción e fai un novo xogo coas primeiras notas dela.

[Scratch: Parabéns para ti]
Preme na bandeira verde para comezar. Terás  que ser quen de tocar as primeiras seis notas da famosa canción de aniversario. Se te equivocas terás que volver empezar.

A rianxeira

Neste xogo o que tes que facer é ordenar as diferentes frases musicais da famosa canción  “A rianxeira (Ondiñas veñen, ondiñas veñen…). Se consegues ordenalas poderás escoitar a canción completa.

[Scratch: A rianxeira]
Preme nos animais e escoitarás unha frase de A rianxeira. Ordénaas e conseguirás escoitala completa.

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone


Etiquetas: | 18 Xuño 2014, por Peregrina Pintos      

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.