Código Octopus

Programación multidisciplinaria con Scratch na Educación Primaria e Secundaria

A reprodución dos percebes

Reto:

Imos simular a reprodución de percebes utilizando a ferramenta de selar. Queremos que un percebe quede fixado á rocha cada vez que facemos clic nela. Tamén nos interesa que se vaian reproducindo pola rocha de xeito automático.

Facendo clic:

[Scratch: A reprodución dos percebes 1]
Fai clic na rocha para fixar os percebes.

Código:

percebes1

Proposta:

  • No canto de usar o rato, queremos que quede unha copia arriba cando prememos a frecha superior, á dereita cando prememos na frecha dereita, etc. Como farías isto?

No mar non se fixa:

O problema da anterior animación é que podemos fixar un percebe no mar, e queremos que se fixen unicamente na rocha. Para limitar a zona podemos poñer unha condición relacionada coa cor: Se estamos sobre azul non sela.

[Scratch: A reprodución dos percebes 2]
Fai clic na rocha para fixar os percebes. Se fas clic no mar verás como non se fixan.

Código:

percebes2

Proposta:

  • Á parte de non fixarse no mar, quero que se fixe unicamente na parte máis escura das rochas, e non na clara. Que terías que engadir ao código para que faga iso?

Reprodución automática:

Agora queremos que os percebes se vaian estendendo automaticamente pola rocha, sen facermos nós nada:

[Scratch: A reprodución dos percebes 3]
Os percebes reprodúcense automaticamente pola rocha

Código:

percebes3

Proposta:

  • Na parte inferior do escenario amoréanse os percebes. Queremos que ademais de non se fixaren no mar, non se fixen cando estean por debaixo de determinada altura. Podes amañalo?
  • Se tes paciencia e esperas moito tempo verás que temos unha chea de percebes nas rochas, pois superpóñense os uns aos outros. Podemos poñer unha condición máis para que non teñan espazo para se reproduciren tanto. Por exemplo, podemos indicar que, ademais de non tocaren o mar, non toquen un percebe (detectado cunha cor determinada). Outra opción sería poñer un contador e deixar que se fixen só ata determinado número. Mira a sección de variables se queres facelo así.
  • Podemos engadir máis elementos á animación: uns percebeiros e percebeiras que van recoller os percebes en posicións aleatorias, ondas do mar, sons, etc. Anímaste a mellorar esta animación?

 

Animación:

Na páxina de animacións e historias interactivas incluímos o traballo resultante:

[Scratch: Recollendo percebes]
Os percebes reprodúcense automaticamente pola rocha. Despois van aparecendo percebeiros e percebeiras a recollelos entre as ondas do mar.
A choiva segue a posición do cursor. De cando en vez aparece unha gaivota pousada nas rochas. Se queres que aparezan máis, preme no espazo.

 

Tweet about this on TwitterShare on FacebookShare on Google+Email this to someone


Etiquetas: | 10 Xuño 2014, por María L      

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.